sábado, 29 de marzo de 2008

Exportar know-how de non-nacementos de G a China

* Notas sobre a planificación familiar chinesa : (Xulio Ríos)

A actual política de planificación familiar en China comezou a aplicarse a partir dos anos 70 do século XX. Deixando de lado a polémica dos métodos empregados, cuestión non menor pero que non é obxecto deste apunte, a política do “fillo único”, ao reducir a natalidade nuns 400 millóns de persoas, permitiu aliviar a presión sobre os recursos e o ambiente e facilitar o proceso de desenvolvemento do país.

Segundo os rexistros históricos, China nunca superara os 100 millóns de habitantes antes da dinastía Qing (1644-1911). Na época de maior auxe demográfico, a poboación podía ascender a uns 60 ou 70 millóns de persoas. A mediados da derradeira dinastía chinesa creceu ata os 400 millóns de habitantes, unhas oito veces máis que nos seus primeiros anos. Nese salto influíu tanto a relativa estabilidade política como tamén o desenvolvemento da agricultura e o progreso tecnolóxico.

En 1949, cando se proclamou a República Popular, China contaba con 541 millóns de habitantes. A diminución da mortalidade e, sobre todo, a consigna de “máis xente, máis forza” para construír a nova sociedade, levaron a que poboación pasara de 700 a 800 millóns soamente no período 1964-1969.

A evolución da poboación en China presenta o seguinte perfil: en 1949, a poboación era de 541.670.000 millóns de persoas; en 1957, 646 millóns; en 1965, 725 millóns; en 1975, 920 millóns; en 1979, 971 millóns; en 1981, 996 millóns. Nos 109 anos comprendidos entre 1840 e 1949, a poboación aumentou en 128 millóns e só entre 1949 e 1982, en 460 millóns. Representa, aproximadamente, o 22% da poboación mundial nun país que só conta cunha superficie cultivable do 7%.

Criar fillos para cubrir as necesidades na vellez e a maior número de fillos maior felicidade (“Yang er fang lao yue duo yue hao”): Aquí radica, en boa medida, a concepción tradicional chinesa acerca da procreación familiar. Esta razón de ser determinou que as políticas de control demográfico sempre se atopasen con resistencias importantes, especialmente en tempos en que aínda non se resolveu no campo de modo suficiente o seguro de vellez, -non hai sistema de pensións e a asistencia médica é escasa-.

Na época maoísta, dicíase que: “Maior poboación significa maior fermento de ideas, maior entusiasmo e maior enerxía” (“Ren duo yilun duo reqing gao ganjinda”). Durante o auxe revolucionario, anos cincuenta e sesenta, estimulouse unha política de natalidade que derivou en máis de sete fillos por muller, que se reduciron a seis nos anos previos á adopción da política de “fillo único”. Tamén pesaban as consideracións estratéxicas: A “bomba demográfica” impediría a destrución de China aínda no caso dun ataque nuclear.

O economista Ma Yinchu, en decembro de 1956 e no ano seguinte, publicou dous artigos sostendo que “aínda sendo verdade que unha numerosa poboación constitúe un enorme recurso, tamén é unha carga pesada”. Propuxo entón elaborar un plan para controlar o crecemento demográfico de China. En 1957, nun discurso escrito para a IV Sesión da I Asemblea Popular Nacional indicou que a poboación do país aumentaba a un ritmo demasiado rápido e que se non se tomaban medidas inmediatas, iso inevitablemente “detería o desenvolvemento da tecnoloxía e o progreso da ciencia e carrexaría enormes problemas ao goberno”. A partir dos datos do censo de 1953, o primeiro na historia de China, e dos catro anos seguintes, estimase que a taxa de crecemento anual foi, máis ou menos, do 20 por mil. Ma foi criticado polas súas opinións e deposto da súa condición de reitor da Universidade de Beijing.

Nas postremeiras da Revolución Cultural, xa antes da adopción da política do “fillo único”, se instrumentaron algunhas medidas: estímulo do matrimonio e a procreación tardíos, a concepción do segundo fillo pasados catro anos do primeiro, etc. Non obstante, a poboación de China achegouse aos 1.000 millóns en 1980. Foi nese contexto, e sobre todo condicionados pola preocupación de garantir alimento para tan enorme poboación, que se alentou esta política, que se aplica unicamente nas cidades e en casos excepcionais. O resultado foi notorio: a taxa de procreación baixou do 5,8 nos primeiros anos da década setenta do século pasado ata 1,8 na actualidade.

Hoxe, a política do fillo único aplícase nas cidades de Beijing, Tianjin e Shanghai e nas provincias de Jiangsu e Sichuan. Nas provincias de Hainan, Yunnan, Qinghai e nas rexións autónomas de Ningxia e Xingjiang, a política é de dous fillos por familia no campo, e outras provincias permiten que naza un segundo fillo cando o primeiro é muller. Por outra banda, nas cidades de todo o país, cando o matrimonio está formado por dous fillos únicos poden ter dous fillos (agora mesmo hai certo medo a que se produza un novo pico de crecemento dado que a primeira xeración de fillos únicos está en pleno período de procreación). Un total de 19 provincias permiten ás familias do campo un segundo fillo cando o primeiro é muller. No caso das nacionalidades minoritarias non se aplica a política do fillo único. Non é polo tanto unha política sen matices, amosando unha relativa flexibilidade.

Segundo as estatísticas oficiais, entre as familias, tanto do campo como da cidade, as que teñen un único fillo representan o 35,9% do total nacional. As familias do medio rural con dous fillos representan o 52,9 %. A poboación dos cinco territorios onde os matrimonios poden ter dous fillos sen ningún tipo de condición representa o 9,6%. E no caso das nacionalidades minoritarias, representan o 1,6%. Polo tanto, a política do fillo único, segundo datos oficiais, é aplicada ao 35,9% da poboación.

Nos últimos anos, aprécianse cambios importantes que motivan a apertura do debate sobre o mantemento desta política no futuro inmediato. No transcurso das sesións da Asemblea Popular Nacional, que se clausuraron o pasado 18 de marzo, o máximo responsable da planificación familiar, Zhang Weiqing, dixo que esta política, aplicada durante décadas, non vai cambiar no futuro inmediato –ata 2010-, por temor a que se produza un crecemento excesivo da poboación, co que conleva de presión sobre o desenvolvemento. Nos anos próximos estudarase un axuste desta política co propósito de evitar o estancamento da poboación activa e facer fronte ao número de xubilados que irá en aumento relativamente de presa (55 para as mulleres e 60 para os homes).

Son moitos os especialistas chineses que reclaman un cambio, argumentando non soamente os efectos sicolóxicos da actual política nos individuos (soedade, personalidade egoísta, etc), senón a necesidade de poñer coto a fenómenos como o desequilibrio entre sexos que se iniciou a finais dos anos 80 do século pasado, cando os ultrasóns permitiron a selección e moitas mulleres preferían abortar ao enterarse de que o seu embarazo era dunha nena. Na preferencia dos varóns inflúe a crenza de que só os homes poden transmitir a liña sanguínea, pero tamén o feito de que a muller, unha vez casada, coida dos seus sogros e non aos seus pais, sendo tamén menos valorada como forza de traballo, especialmente no campo. O desequilibrio entre sexos situase en 119V por 100F. Esta cifra é aínda mais alarmante en provincias como Jiangxi, Guangdong, Anhui e Henan, onde a proporción pode chegar a 130:100.

As familias con fillos únicos reciben compensacións e beneficios de diverso tipo. Nos últimos tempos, en parte por mor das críticas internacionais á dureza esgrimida na aplicación desta política (e aínda que os casos de abortos forzados seguen producíndose), a estratexia gobernamental foi evolucionando dunha política de castigo a outra de premios. As familias que non respectan a política, o recurso esencial é a multa, que pode ser dun importe dez veces superior ao salario local per capita, aínda que acostuman a ser máis baixas. Na capital, por exemplo, a renda per capita dos residentes urbanos en 2007 foi de 21.989 iuáns e a multa é duns 100.000 iuáns. Non obstante, dada a elevación do nivel de vida e o cambio no modelo social, danse moitos casos entre celebridades e novos ricos de familias máis numerosas, o que provoca considerable irritación social e orixina conflitos graves en zonas do interior do país, onde ou se agochan os segundos fillos ou se corrompe aos funcionarios para evitar o pago das multas. Recentemente, na provincia de Henan, numerosos militantes do PCCh foron sancionados por incumprir esta política. Hai, en todo caso, unha inmensa población difícil de controlar: os 200 millóns de inmigrantes no propio país que conservando o seu rexistro civil (o hukou) no campo pero vivindo nas cidades vense dispensados da política do fillo único.

Os premios por respectar a política de planificación familiar son económicos, pero tamén inclúen algúns estímulos de promoción profesional ou de acceso a vivendas e outros servizos. As recompensas poden oscilar entre os 2.000 e os 4.000 iuáns, ademais de contías fixas de complemento da pensión unha vez se xubilen. Os fondos proveñen dos gobernos central e local con contías que varían segundo a rexión sexa do Oeste, Centro ou Leste. A proporción da aportación do goberno central varía entre o 80% e o 20%, sendo maior nas zonas menos desenvolvidas (o Oeste e Centro do país).

Como consecuencia do desenvolvemento económico, agroma outra forma de pensar, especialmente no medio urbano. A preocupación polo benestar e o desenvolvemento persoal e profesional está a facer proliferar os casos de familias de dobre ingreso pero sen nenos. En Shenzhen, segundo un estudo da Academia de Ciencias Sociais, nese caso se atopa xa un 10 por cento das familias. Outro tanto pasa en cidades como Beijing ou Shanghai, onde a concepción da calidade de vida exclúe a descendencia. Nalgunhas destas municipalidades xa están en estudo os estímulos contrarios, para facilitar que se teñen fillos. O cambio de tendencia xa comezou.


(Nota do administrador do blog:

¿Podería G exportar a China o seu know-how no control da natalidade? A non-política g é a máis eficiente do planeta. Ten maior éxito práctico que a política intervencionista chinesa? É cousa de pensar.)

No hay comentarios: